Ven antes: tres citas arredor da WordCamp Galicia

A WordCamp dura tres días. A semana, sete. E como na Coruña non somos de desaproveitar, o mércores e o xoves xa hai plan para quen chegue con tempo (e para quen viva aquí e quede sen escusa). Son tres citas que non organizamos nós nin forman parte do programa oficial, pero encaixan tan ben coa WordCamp que sería unha mágoa non contarchas.

A primeira é o mércores 14 pola mañá. O Galicia Podcast Summit reúne no Centro de Empresas Accede Papagaio creadoras e creadores de podcasts para descubrir programas, dar a coñecer os propios e atopar con quen colaborar. E faino cunha cara coñecida da comunidade WordPress entre os seus relatores: a deseñadora Ana Cirujano.

O xoves 15 toca dobrete. Ás 19:30, a meetup de WP Coruña recibe en Sngular a Fernando Tellado, que vén contar como ter un WordPress (razoablemente) seguro sen gastar un euro: capa por capa, sen vender medo e sen plugins de pagamento.

E ao rematar, cañas. Weglot convoca a partir das 21:00 na Cervezoteca Malte un encontro informal con cervexa, algo para picar que corre pola súa conta e a conversa que xurda. Iso si, o aforo é pequeno: apúntate só se de verdade vas ir, que cada praza que queda baleira é unha caña que alguén non toma. E se ao final non podes, libéraa e deixa que outra persoa brinde por ti.

O que precisas saber:

  • As tres citas son gratuítas.
  • As tres teñen prazas limitadas, así que hai que apuntarse: ao Galicia Podcast Summit, á meetup de WP Coruña e ao encontro de Weglot, onde é imprescindible confirmar a asistencia.
  • A inscrición xestiónaa quen organiza cada evento, non a WordCamp. Se tes dúbidas ou algunha necesidade concreta, pregúntalles directamente.

Tes todos os detalles na páxina Side Events.

Así que xa sabes: se podes adiantar a viaxe, adiántaa. Vémonos antes de vérmonos!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Co apoio de: