Trae a familia á WordCamp Galicia: os cativos son benvidos!

Facemos fácil o difícil. Ou polo menos poñemos todo da nosa parte. Sabemos que entre as cuestións complicadas do día a día a conciliación familiar ocupa un posto de honra e por iso nas WordCamp de Galicia hai anos que apostamos por ofrecer ludoteca aos asistentes, para que veñan cos cativos. E a edición da Coruña non vai ser unha excepción.

Durante toda a xornada do sábado contaremos con ludoteca para asegurarnos de que os máis pequenos da familia o pasen en grande e de que os máis grandes non se perdan ningunha das charlas e debates do programa da WordCamp Galicia. Algo así coma un win-win familiar. E en modo profesional, claro: postos a facer fácil o difícil, non imos facer as cousas a medias. Fichamos unha empresa especializada en animación infantil, La Guagua, con máis de 20 anos de experiencia, infinidade de eventos e actividades ás súas costas e unha aposta polo lecer educativo que nos seduciu. E sabemos que aos teus cativos tamén lles alegrará o día.

O que precisas saber:

  • É un servizo gratuíto.
  • A ludoteca funcionará o sábado 17, de 9 a 13.30 horas e de 15 a 18.30 horas.
  • Os nenos e as nenas gozarán do xantar cos seus pais e nais e co resto de asistentes á WordCamp Galicia.
  • Só tes que cubrir un formulario na web para garantir as prazas que necesites: https://galicia.wordcamp.org/2026/a-ludoteca/

Así que xa sabes, nada de escusas familiares para perderte a WordCamp Galicia. Este é un evento family-friendly!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Co apoio de: