Quen avisa… O cronómetro está en marcha e, cando xa queda menos dun mes para celebrar a primeira WordCamp Galicia na Coruña, a vertixe fai que se nos movan os números. Aínda que non todos. O que vemos claro, clarísimo, é o 40. É o prezo reducido da entrada, que tamén ten a súa propia conta atrás: o 1 de outubro péchase o prazo para conseguila (se non se esgota antes o lote de entradas con desconto).
Con estes 40 € estarás contribuíndo a facer un pouco máis grande e forte a comunidade de WordPress en Galicia, pero tamén todo o ecosistema de comunidades tecnolóxicas. Coa túa presenza achegarás coñecemento, contactos e risas. Seguro. E iso mesmo (e algo máis) é o que vas levar da WordCamp Galicia: creamos un programa tan ambicioso como variado, enredamos profesionais de primeira non só de WordPress, senón doutras ramas que nos afectan a todas e todos cando traballamos con webs, e xa empeza a cheirar a polbo, churrasco e pizza no campus de Elviña. E a café. Moito café. Por 40 €.
Se aínda non tes claro se nos vas acompañar na WordCamp Galicia, pásate pola web e bótalle unha ollada ao programa de relatorios, obradoiros, debates… Aí verás claramente por que non hai mellor plan para a fin de semana do 17 e 18 de outubro.
Ludoteca e acreditacións personalizadas
Se tes claro que queres vir, pero a conciliación familiar fai que o esteas pensando: temos ludoteca! Só tes que apuntar a túa rapazada na web: https://galicia.wordcamp.org/2026/a-ludoteca/
E se sabes de certo que non vas perder a WordCamp Galicia por nada do mundo, pero aínda non mercaches a entrada: a que esperas!? Se a mercas antes do 1 de outubro aforras 10 euros e asegúraste de que terás unha acreditación personalizada (só podemos facelas ata o 6 de outubro, por esixencia da imprenta). Por certo, viches as insignias personalizadas que podes crear na web? Son unha chulada, así que imaxina como serán as acreditacións.
Xa non te enredamos máis: o reloxo corre e nós con el. En resumo: ata o 1 de outubro as entradas para a WordCamp Galicia están a prezo reducido de 40 €. Desde o 1 de outubro e ata o propio día do evento custarán 50 €. Espabila!























Deixa unha resposta