Se cres que a solidariedade e a competición están reñidas é que nunca estiveches nun dos hackathons que organizamos nas comunidades de WordPress. Chamámoslles do_action, porque cremos que este concepto (aínda que sexa en inglés) expresa perfectamente o seu obxectivo: crear páxinas web en tempo récord para entidades sen ánimo de lucro que as necesitan. Pura acción. E pura diversión. Con quen compites? Contigo mesmo.
Como funciona? Seleccionamos dúas ONGs que carezan de páxina web ou que precisen renovala con urxencia, reunímonos co seu equipo para preparar a documentación precisa para o proxecto. Por outra banda, creamos dous equipos de traballo que se encargarán de facer realidade as webs a partir desa información. Terán que facelas en 3 horas e media. Man a man, como unha gran comunidade. En vivo e en directo. Non é emocionante?
Para que isto saia ben o ideal é contar con todas as patas dunha web no equipo: desenvolvedores, deseñadores, redactores, SEOs, xestores de proxectos… Se estás lendo isto, é difícil que non sexas un deses perfís. E se che vai a marcha ou queres probar a traballar con xente distinta ou aportar o teu grao de area ou todo á vez, o do_action é unha actividade sen igual.
O que precisas saber para asistir:
-O do_action celebrarase o venres 16 de outubro, de 12 a 13:30 e de 15 a 17 horas. Entre as cinco e as seis da tarde os equipos presentarán as webs realizadas. E na pausa de mediodía xantaremos todos xuntos (a comida está incluída).
-Será na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, onde ese fin de semana se celebrará a WordCamp Galicia, pero o do_action é unha actividade paralela, na que se pode participar sen asistir á WordCamp. Ou si. Ao gusto ou ás posibilidades de cada un.
-É de acceso libre previa inscrición. Fixaremos un número máximo de participantes en cada equipo para que a coordinación sexa o máis operativa posible.
–Non precisas ser un experto en WordPress, pero como, obviamente, as webs vanse montar en WordPress, si que tes que saber manexarte con esta plataforma. E levar o teu ordenador.
-Xa podes apuntarte neste formulario: https://galicia.wordcamp.org/2026/do_action/#form-doaction-taller






















Deixa unha resposta