Adícaste á programación, pero nunca tocaches un WordPress? Non tes nin idea de desenvolvemento web, pero queres montar o teu propio espazo dixital? Nin unha cousa nin outra, pero o teu é aprender polo puro pracer de aprender? Temos un plan para ti: un obradoiro de iniciación a WordPress. Gratuíto, sen máis compromiso que levar contigo un tesouro: o coñecemento para crear a túa primeira web con WordPress.
E quen se vai encargar de asegurarse de que saias do curso convertido en fan desta ferramenta e desta comunidade, preguntarasche. Pois o mesmísimo Fernando Tellado, aka AyudaWP.com, aka Fernandot, aka o mesmísimo Fernando Tellado. Para a comunidade wordpresseira é un referente indiscutible. Pola súa vocación divulgadora, pola súa contribución constante ao ecosistema, porque exemplifica como WordPress che pode dar unha e mil vidas e porque as súas charlas son macarramente divertidas. Se queres saber máis sobre quen vai impartir o curso, pasa polo seu perfil de WordPress.org e dálle ao scroll.
O que precisas saber para asistir:
-O obradoiro celebrarase o venres 16 de outubro, de 9 a 12 horas. Será na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. Si, o mesmo sitio onde esa fin de semana se celebra a WordCamp Galicia, pero o obradoiro é independente da WordCamp. É dicir, podes ir ao obradoiro e non ir á WordCamp ou ir aos dous eventos. Ti elixes.
–É gratuíto. Só tes que levar un portátil. Iso si, as prazas son limitadas, porque se queremos que saias coas destrezas básicas para montar a túa propia web, temos que reducir o aforo para que o obradoiro sexa o máis dinámico posible.
-Acabamos de abrir o prazo para apuntarse. Podes facelo a través do seguinte formulario: https://galicia.wordcamp.org/2026/do_action/#form-doaction-taller






















Deixa unha resposta