Seguindo o ronsel da mellor das tradicións da WordCamp Pontevedra, na WordCamp Galicia tamén nos sumamos ás actividades paralelas gratuítas. Son dúas propostas complementarias ao programa oficial cunhas dinámicas propias: son de acceso libre (previa inscrición), implican si ou si participación activa dos asistentes e pódese asistir sen ir á WC (aínda que quen non quere ir á WC!?).
A primeira actividade é un taller de iniciación a WordPress para descubrir as infinitas posibilidades deste CMS desde cero. Non fai falta ningún coñecemento previo, só ganas de aprender. E para aprender nesta ferramenta que tanto nos dá a todos os que formamos parte da comunidade de WordPress contamos cun nome que é unha auténtica institución: Fernando Tellado. Autor do blog Ayudawp.com, validador global (GTE) do equipo de traducións de WordPress ao español de España, coordinador dos foros oficiais de soporte e administrador de es.wordpress.org, Tellado ten un plus que vai máis aló do seu currículo: comunica de forma moi didáctica, directa e amena.
O seu taller será o venres 16 de outubro, de 9 a 12 horas, con descanso para o café incluído. As prazas son limitadas para garantir que os asistentes se vaian coas bases da súa nova web feita con WordPress listas para seguir avanzando.
E despois do taller, por que non quedar ao que segue?
Hackaton solidario
A outra proposta ten unha vertente solidaria que nos fai especial ilusión trasladar á contorna da Coruña. Trátase do do_action, un hackaton no que os participantes terán o reto de montar as páxinas web corporativas de dúas entidades sen ánimo de lucro para axudalas a mellorar a súa comunicación cunha plataforma dixital que lles permita chegar máis e mellor aos seus obxectivos sociais.
Tanto se desenvolves webs con WordPress coma se te adicas ao deseño, á comunicación ou ao posicionamento, esta actividade é para ti. Necesitamos contar con todos os perfís para crear nunha poucas horas webs totalmente funcionais. É un reto, sen dúbida, pero en grao sumo divertido. Sabemos que a comunidade ten unha destreza especial para poñer orde no caos, así que non te deixes amedrentar e súmate ao hackaton. Farémolo o venres 16 de outubro, desde as doce do mediodía ás seis da tarde (comida mediante).
Aínda estamos a seleccionar ás ONGs que poderán beneficiarse deste exercicio tan dinámico, intenso e integrador, así que se coñeces algunha entidade á que podería interesarlle, non dubides en contactar connosco.
O prazo de inscrición para o taller e o do_action abrirase en setembro. Podes apuntarche a unha soa actividade ou ás dúas e, ademais, esperámoste na propia WordCamp, nos relatorios do sábado e no Contributor Day do domingo. Non-stop!















Deixa unha resposta