Foi un traballo arduo. E ingrato, para que negalo. Non é doado elixir de que imos falar na WordCamp Galicia 2026. Pero alguén ten que facelo. Con case un cento de ponencias recibidas e unha vintena de ‘ocos’ para charlas, a aritmética está clara. E o obxectivo tamén: tentar atopar o equilibrio. É ao que dedicou o tempo estes últimos días o noso equipo de Ponencias. Este é o resultado. Non hai gañadores nin perdedores, porque, en realidade, todos perdemos cando non podemos encaixar todas as boas, magníficas ideas nos escasos tempos que temos. A idea final, iso si, é que gañemos todos con esta proposta. Que vos parece?
Imos empezar a xornada central da WordCamp cunha charla sobre intelixencia artificial e WordPress que xa nos ten con ganas de que chegue outubro. Ivelina Dimova e Marcel Schmitz van falar de axentes autónomos que corren en local dentro de WordPress. Si, como soa. En paralelo, Ana Cirujano propón algo máis próximo ao día a día de quen deseña: como mellorar o traballo coa axuda da IA. Dúas visións do mesmo momento tecnolóxico, para elixir segundo o perfil de cada un.
A continuación, unha charla por anunciar que, cando poidamos contala, valerá a pena a espera. Deixámolo aí.
Seguimos cun bloque dobre no que Lorenzo Otero arropa a quen se está iniciando en WordPress —e que probablemente se pregunta se chegou ao sitio correcto— mentres Yolanda Iglesias se dirixe a quen leva tempo nisto e algunha vez tivo que explicarlle a un cliente por que a súa web non vai ser como a de Shein. Expectativas versus realidade: un clásico que non pasa de moda.
Despois do descanso, Sergio ten preparada unha sorpresa. Non sabemos máis. Bo, si sabemos, pero non podemos dicilo aínda. Na sala do lado, Diego Nieto entra en materia con WooCommerce: como optimizar o checkout en función do tipo de negocio, con todo o detalle que o tema merece.
Antes de comer, Francisco Javier Giménez Conejero sobe ao escenario para demostrar —demostrar, non só explicar— por que a accesibilidade web non é un extra senón parte do traballo. E no último bloque da mañá, Andrea Magán recupera a historia do código aberto desde un ángulo inesperado, mentres Iván López resolve un deses problemas que parecen menores ata que che tocan de preto: facer que Google entenda unha web multilingüe con hreflang.
Foto de familia. Comida. E a por a tarde.
A sesión de tarde arrinca cunha mesa redonda sobre o futuro dos profesionais coa IA. Fernando Puente, Ana Rute Mendes, Nora Ferreirós e José Freitas. Catro perspectivas, unha pregunta que a todos nos ronda a cabeza e, seguramente, máis preguntas ao saír que ao entrar. Que é exactamente o que ten que pasar nunha boa mesa redonda.
O bloque seguinte vai en dúas direccións á vez. Uros Tasic fala de como rexistrar capacidades en WordPress —charla técnica, nivel desenvolvedor— e Víctor Salgado repasa os dez erros legais máis comúns nas webs feitas con WordPress. Este segundo é deses que doe un pouco pero convén ver.
Para pechar as charlas do día, máis IA (como non?): Pablo Moratinos sobre despregues áxiles de WordPress con IA, e Imran Sayed con Interactivity API, Block Bindings e LLMs. O nivel técnico sobe. Os que levan todo o día agardando este momento xa saben quen son.
E o peche póñeno Lidia Marbán e Seu Bermúdez coa desconferencia: FOMO/JOMO, estásenos indo a olla? Formato aberto, participación do público, e unha pregunta que, ás seis da tarde dun día intenso, ten moitas respostas posibles.
O programa completo, con horarios e sala para cada charla, está na web.















Deixa unha resposta