Arredor da WordCamp
A WordCamp son tres días, pero a semana dá para máis. Antes do 16, 17 e 18 de outubro hai outras citas na Coruña que encaixan ben co plan (e serven de escusa para adiantar a viaxe).


Galicia Podcast Summit
O mércores 14 de outubro, de 10:00 a 14:00, o Centro de Empresas Accede Papagaio acolle o encontro no que creadoras e creadores de podcasts se xuntan para descubrir programas que non coñecían, dar a coñecer os seus, atopar con quen colaborar e levar das charlas algunha idea que aplicar. Nesta edición participará como relatora a deseñadora Ana Cirujano, referente da comunidade WordPress. A entrada é gratuíta, pero as prazas son limitadas: reserva a túa.
Seguridade en WordPress con orzamento cero
A meetup de WP Coruña recibe o xoves 15 de outubro, ás 19:30, a Fernando Tellado, consultor e formador WordPress, cunha charla para quen quere unha web (razoablemente) segura sen gastar un euro. Un repaso capa por capa da protección que WordPress xa trae de serie, como devasa, control de acceso, copias de seguridade e vixilancia, e do que falta de verdade cando hai que ir máis alá. Sen vender medo e sen plugins de pagamento. Será en Sngular (Rúa Sor Joaquina, 6, entreplanta). É de balde, pero hai poucas prazas: apúntate en Meetup.


Pre-WordCamp Galicia by Weglot
E despois da meetup, cañas. Ese mesmo xoves, a partir das 21:00, Weglot convoca na Cervezoteca Malte (Praza das Atochas, 8) un encontro informal con cervexa, algo para picar que corre pola súa conta e conversa sobre proxectos, desenvolvemento web, SEO, deseño ou o que xurda. O acceso é gratuíto, pero as prazas son limitadas e é imprescindible confirmar a asistencia. Por favor, rexístrate só se podes ir.
Como apuntarte
As prazas e a inscrición de cada evento xestiónaas quen o organiza, non a WordCamp. Le ben as instrucións de cada un antes de dar a túa asistencia por feita. Estes eventos non forman parte do programa oficial de WordCamp Galicia 2026 e o equipo organizador non intervén neles: se tes necesidades de accesibilidade ou calquera outra petición, escribe directamente a quen organiza o evento.


























