Tres días, máis de 700 fotos e un número indeterminado de cafés. A primeira WordCamp Galicia na Coruña xa é historia (da boa) e déixanos unha palabra en maiúsculas: GRAZAS. E outra que tamén as merece, porque nolas gañamos entre todos: COMUNIDADE.
Houbo moito de todo o que fai unha WordCamp: moita experiencia compartida, moitas charlas, moitas amizades novas, moitas risas, moita complicidade, camaradaría e química. E moita comida, claro, que se non, non sería unha WordCamp Galicia. Nós puxemos a comida, pero o resto correu da vosa conta. Fixestes realidade o noso lema: aquí ninguén foi forasteiro.
Por iso, GRAZAS!
- A quen asististes, por escoitar, preguntar, debater, conversar, acoller, compartir. Por vir de preto e de lonxe.
- A poñentes, por preparar as súas charlas, contar o que saben e aturar as preguntas do final (mesmo as que chegaban con fame).
- Aos patrocinadores, por crer no evento e facelo posible.
- Á Universidade da Coruña, á Facultade de Dereito e ao seu persoal, por abrirnos as portas do campus de Elviña e darnos todas as facilidades para que nos sentísemos como na casa.
- A voluntarios e voluntarias, por estar en todas partes á vez. E sempre cun sorriso.
- A Fernando Tellado, pola súa xenerosidade ao impartir o obradoiro de iniciación a WordPress para formar novos wordpresseiros.
- Ás entidades e equipos do do_action, por demostrar que a solidariedade e a competición non están rifadas.
- Aos provedores, polo seu compromiso para que todo estivese a punto.
- A Nilo Vélez, Santiago Rodríguez e Roberto Vázquez, por retratar cada instante, e a Desafío Digital, por inmortalizalos en vídeo.
- A xornalistas e medios de comunicación, por axudarnos a chegar a máis xente.
Para revivila (ou vela por primeira vez)
Se quedaches con ganas de saber se «se nos está yendo la olla», como se internacionaliza unha tenda en liña ou que se dixo na mesa redonda de comunidades, tes os vídeos en WordPress.tv. E se o que queres é buscarte entre o público, hai máis de 700 fotos en Flickr.
Estiveches? Entón pedímosche un último favor: dedica cinco minutos ao formulario de valoración. Lémolo todo, e co que nos contes comezamos a preparar a seguinte.
Así que xa sabes: dálle ao play, busca a túa foto e apunta 2027 no calendario. Vémonos!



























Deixa unha resposta