Dio Leo Menéndez, que este ano coordinou o voluntariado, e ten razón. Pasaron tres semanas desde que pechamos a primeira WordCamp Galicia na Coruña e seguen chegando crónicas, episodios de podcast, recortes de prensa e publicacións con máis emojis de polbo dos que ninguén podía prever (ou si). Así que fixemos o que fai calquera que non quere perder nada: xuntalo todo nunha entrada.
O que contaron os medios
Desde xullo, cando se anunciou que a WordCamp chegaba á Coruña, ata a semana seguinte ao evento, contamos 24 pezas en 16 medios.
Europa Press e El Ideal Gallego deron a noticia no verán. Código Cero seguiunos a pista con cinco pezas, desde o anuncio ata o balance. La Opinión falou con Seu Bermúdez sobre tecnoloxía e saúde mental. COPE Coruña e Radio Galega déronnos minutos de antena. E o domingo, en papel, La Voz de Galicia contaba que a intelixencia artificial centrara a xornada do sábado.
Tamén escribiron sobre a WordCamp ACoruñaXa, Diario de Santiago, NH Diario, Xornal Galicia, Cool Coruña, El Ecosistema Startup, Galiciapress e ECO. Grazas a todas as persoas que dedicaron o seu tempo a contalo.
O que se gravou
Miguel Ángel Terrón trouxo o micro e Potencia Pro publicou o sábado unha chea de episodios gravados na WordCamp:
- o arranque da cobertura
- a idea dunha charla tráiler
- unha conversa con Fernando Puente, de Raiola Networks
- Fernando Tellado sobre obradoiros e seguridade
- David López Pazos sobre o voluntariado
- unha crónica con Seu Bermúdez
En Freelandev dedicáronlle enteiro o episodio 364. E se quedaches con ganas dalgunha charla, xa están en WordPress.tv.
O que se escribiu con calma
As crónicas máis longas chegaron de dentro, de xente que levaba meses coa WordCamp na cabeza. E se as les unha detrás doutra, parece que se contestan entre elas.
Carlos Longarela estreábase como colíder, xunto con Mónica Saavedra e Carla Pumutxa, e cóntao en “WordCamp Galicia 2026: mi primera vez al otro lado”, en Taberna WP. Fala do reto de cambiar de sede sen baixar o listón e deixa claro que o éxito non se mide só en entradas: “Para mí, el verdadero éxito está en cómo la ha recibido la gente”. Tamén conta que a súa filla botou unha man no equipo de medios: “Poder compartir la WordCamp con tu hija, para mí, es algo muy especial”. O seu papel, segundo el, foi “mover papeles de un lado a otro”. Permitímonos dubidalo.
Na súa crónica saen tamén os outros dous cronistas. A Leo Menéndez tocáballe coller o relevo de Carlos Sobrino á fronte do voluntariado, e Carlos felicítao “particularmente, porque ha hecho un trabajo fantástico”. A Wajari defíneo como “el alma de las fiestas”.
Leo, pola súa banda, recoñece en LinkedIn que ían con medos: que se notase demasiado o salto desde Pontevedra, que viñese pouca xente, que chovese e complicase a loxística. “Fue mi primera vez coordinando el equipo de voluntariado y todo podría haber salido fatal. Pero salió todo increíble.” E (case) non choveu. Entráronlle tantas ganas de escribir que volveu ao seu blog, como nos vellos tempos, con “A Coruña no es mi ciudad natal, pero…”.
Wajari comezou a súa cunha confesión que recoñecerá calquera que organizase algunha vez algo. O domingo díxose: “Paso ya de esto. El año que viene necesito descansar”. O luns xa estaba pensando na seguinte. “Algo tendrá este hormiguero.” De aí sae “El camino de las hormigas”, unha crónica longa, “como es mi costumbre”, con agradecementos, software libre, polbo e unhas cantas risas. Tamén trae preguntas que convén ler amodo: é o número de entradas vendidas a mellor forma de medir o que facemos? Como seguimos creando estes espazos sen que buscar financiamento nos deixe esgotados cada ano? Fala da comunidade de WordPress como dunha tribo. Por certo, na súa crónica lémbrase de Verónica, unha das voluntarias, que xa confesou que quedou “enganchada”.
Andrea Magán presentou unha charla sobre como liberar un proxecto de software. O resumo falaba dunha caixa de cartón e dun grupo de animais. De preparar dez minutos acabou saíndo un libro ilustrado: Érase una vez Open Source, un conto dixital co repositorio aberto para quen queira colaborar. Agora busca a forma de levalo ás aulas, así que, se se che ocorre como, escríbelle.
O que se dixo en LinkedIn
Primeiras veces
Para moita xente foi a súa primeira WordCamp. Mónica Pérez Sueiro, profesora de FP no Liceo La Paz, viviuna ademais atenta a un grupo de alumnos. Comezaron nun WordPress Campus Connect na súa aula, seguiron en WordPress Credits e acabaron na WordCamp: “Velos interactuar, iniciar conversas, participar e relacionarse con naturalidade […] foi unha pasada”.
Unha delas é Isabella Nottaro, que o conta desde o outro lado: “Nadie nos ha reducido a estudiantes jóvenes, siempre nos han acompañado con las palabras talento y ambición”. Por fin coñeceu en persoa os seus mentores de WordPress Credits e pasou o domingo contribuíndo a WordPress.
Jamila Zennane comezou o venres no obradoiro de Fernando Tellado e seguiu no do_action, onde o seu equipo fixo unha web para ALECRÍA, unha asociación galega que acompaña as familias na lactación e na crianza. Verónica Delgado apuntouse ao voluntariado case por curiosidade e lévase unha frase que lle cambiou a mirada: “a una WordCamp no se viene a vender, se viene a hacer comunidad”.
O que pasa nos corredores
Case todo o mundo coincide en que o mellor pasa fóra das salas. Isabel Viñas fala de conversas improvisadas, de pedir consello nun café e de descubrir que outras persoas teñen o mesmo problema ca ti. Raúl Fernández, que vive a cinco minutos e “ya no tenía excusa”, puido por fin poñerlle “cara en 3D” a xente que coñecía pola foto de perfil. Ana Cirujano conta o momento en que coincidiron no corredor cinco deseñadoras, unha SEO e unha experta en investigación de usuarios: “¡menudo equipazo para prototipar!”.
E entre comunidades tamén houbo conversa. Aquelarre Dixital viña por primeira vez e a súa compañeira María Carolina González Gil compartiu mesa con Andrea Magán, Jesús Ángel Pérez-Roca, Naiara Manteiga, Ignacio Espósito e Iago Rivas. Din que non poden sentirse “máis satisfeitas” e agradecen que se xerase “un debate tan saudable entre comunidades”. E Patricia Carabel resúmeo co noso lema: aquí ninguén é forasteiro.
Charlas que a xente recomenda
Adolfo García-Uceda quedouse co deseño con IA de Ana Cirujano, a realidade dos proxectos de Yolanda Iglesias, o checkout de WooCommerce de Diego Nieto e o SEO multilingüe con hreflang de Ryan Joseph López. Ana, pola súa banda, recomenda ver en WordPress.tv a charla de Pablo Moratinos sobre WordPress Studio, a de Ryan e a desconferencia de Lidia Marbán e Seu Bermúdez. Imran Sayed, de rtCamp, marchou “con grandes recuerdos, nuevas ideas y mucha gratitud” despois de falar do futuro da IA en WordPress.
Patrocinadores con nome e cara
Celi Garoe comezou o xoves coa festa previa de Weglot, pasou o sábado sen un minuto de silencio no stand e dedicou o domingo a buscar mentores para WordPress Credits. Isabella deulles as grazas unha a unha ás empresas coas que falou: Weglot, Dinahosting, Raiola Networks, WordPress.com, Esgalla e LucusHost, que lle regalou unha cunca “con un diseño hecho por un ¡¡¡HUMANO!!!”.
O voluntariado
Detrás de todo houbo un equipo de voluntariado que Leo coordinaba por primeira vez. Iria Hidalgo repetía WordCamp, esta vez como voluntaria, e vaise “con ganas de más”. Grazas a todas as persoas que o deron todo para que a fin de semana saíse ben.
E o polbo
Ten sección propia, porque sae en case todas as publicacións. Mónica fala de “café, churrasco e polvo”, Adolfo dun “momentazo love pulpeiro” (e dun karaoke que, segundo el, xa empeza a ser tradición) e Isabel Viñas tivo que marchar antes e quedou sen el. O seu propósito para a próxima: “intentaré no perderme el pulpo”. Apuntámolo.
Escribiches algo e non o vemos aquí?
Mesmo quen non puido vir seguiuno de preto: o equipo de Hacce, que outros anos viña en bloque, conta que estiveron “muy pendientes de todo lo que sucedía por RRSS”. E seguro que a nós se nos escapou algunha publicación, algunha crónica ou algunha foto. Se escribiches sobre a WordCamp Galicia 2026, déixanos a ligazón nos comentarios e engadímola.



























Deixa unha resposta