As contas saen: máis de 300 persoas, 1.021 € de superávit e moito polbo

Levamos semanas facendo contas e xa podemos contarchas. A WordCamp Galicia 2026 reuniu máis de 300 persoas. O venres houbo un taller de iniciación con 72 estudantes, e no hackathon do_action máis de 30 persoas montaron as webs de tres asociacións sen ánimo de lucro. Para o sábado vendéronse 238 entradas e 226 persoas fixeron check-in na Facultade de Dereito da Coruña.

E quen veu? De todo (podíase marcar máis dun perfil, e moita xente é un pouco de todo): un 40% defínese como desenvolvedor, un 22% como deseñador, outro 22% como consultor e un 15% traballa en márketing, ademais de xente de sistemas, SEO, soporte ou contidos. Un de cada tres era autónomo, case un de cada catro viña dunha axencia e o tema que máis interese espertou foi a IA. Sen sorpresas, vaia.

Os números non o contan todo, claro. Faltan os corredores cheos á hora do café, a ludoteca con cativos felices e o xogo de selos, no que máis de 80 persoas percorreron todas as mesas dos patrocinadores para completar a súa páxina da revista (a que traía toda a info do evento). E, como manda a tradición, polbo para pechar o sábado. Moito polbo.

Se non puideches vir, ou queres repetir, tes máis de 700 fotos en Flickr e as charlas en WordPress.TV.

Contas claras

Agora si, o que ás veces se agocha debaixo da alfombra. A WordCamp custou 29.739 euros e entraron 30.760, así que pechamos cun superávit de 1.021 euros. Pouco, pero do lado bo.

Os ingresos repártense en dous grandes bloques:

  • Patrocinios: 65%.
  • Entradas, incluídas as de micropatrocinio: 35%.

E a onde se foi o diñeiro? Este é o reparto dos gastos, sobre o total contabilizado:

CategoríaPorcentaxe
Comida e bebida42,7%
Entradas de cortesía e descontos15,9%
Audiovisual11,9%
Evento de ponentes, patrocinadores, voluntarios e organizadores9,2%
Espazo e limpeza7,3%
Merchandising e agasallos6,6%
Outros, sinalización e festa6,4%

A táboa lese rápido: máis de catro de cada dez euros foron para comida e bebida (vese que nos tomamos moi en serio o café). E os patrocinios achegaron case dous terzos do ingresado. Que unha WordCamp se sostén grazas a quen a patrocina non é ningún segredo, pero convén dicilo en voz alta: grazas!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Co apoio de: