Acabamos de pechar o prazo de presentación de relatorios para a WordCamp Galicia 2026 e estamos moi contentos, aínda que un pouco agobiados, co resultado. Contentos porque achegáchedes propostas interesantes e diferenciais, o que nos vai facer moito máis doado construír un programa de relatorios e debates moi atractivo. E agobiados, porque agora chega a tarefa máis desagradecida na organización de calquera WordCamp: ter que elixir.
Por moito que nos gustaría evitar esa parte de ‘ti si, ti non’, é imposible cadrar as contas. É o que ten o tempo, que non se estira. Nin para encaixar charlas nin para elixilas. E é que o equipo de Relatorios ten por diante apenas 10 días para revisar todas as propostas enviadas e crear o programa da WordCamp Galicia 2026. Porque propuxímonos que aquí ninguén se vaia de vacacións estivais sen saber o que se atopará na xornada de relatorios (ou o que se perderá se aínda non comprou a súa entrada). O noso obxectivo é presentar o programa o próximo 3 de xullo (xa sabes, #savethedate).
E mentres lle desexamos moito ánimo, temperanza e tino ao equipo de Relatorios, tamén aproveitamos para dar as grazas a todas as persoas que enviaron as súas ideas para enriquecer o programa. Sen esta voluntariedade dos profesionais por compartir o seu coñecemento, unha WordCamp non tería sentido. Obvio, si. Pero non está de máis lembralo. Grazas!















Deixa unha resposta