Chamada a relatores: queremos o teu coñecemento

Queremos o teu coñecemento, o teu eu experto, o teu eu falangeuiro ou o teu eu tímido. WordPress constrúese coas aprendizaxes de toda a comunidade e as WordCamp son o momento perfecto para compartilas. Non te deixes levar polo pánico escénico ou pola modestia. A comunidade arrouparate creando unha contorna acolledora. E da humildade, que dicir? Todos somos especialistas en algo, aínda que non nolo creamos. Ten por seguro que sabes moito do teu, que para iso curras todos os días. Nós témolo claro, só falta que ti o creas.

Estamos a preparar un programa de relatorios, charlas, casos de uso… que nos permita contribuír a que WordPress e todo o seu ecosistema siga sendo o referente que é. Un ecosistema que se nutre do coñecemento de desenvolvedores, de deseñadores, de comunicadores, de marketinianos, de xestores de proxectos, de expertos en posicionamento, en accesibilidade, en rendemento… De todo o que fai falta para que unha web sexa un espazo dixital útil, bonito e relevante.

Nesta edición da WordCamp Galicia queremos innovar en formatos, así que calquera proposta que se che ocorra será máis que benvida. De feito, se nos axudas a deseñar novos conceptos, farasnos felices e xa estarás a achegar moito a esta comunidade. De novo, non sexas tímido ou tímida. Queremos coñecer as túas ideas.

E como o programa é unha parte fundamental de calquera WordCamp, non podemos demorarnos moito no proceso de elaboralo. Retámonos a nós mesmos para poder presentarvos o panel da WordCamp Galicia 2026 o 3 de xullo, así que necesitamos recibir a túa proposta antes do 22 de xuño. Anímaste a compartir o teu coñecemento?

Estamos a desexar ler as túas propostas!

Podes envialas a través do formulario que hai na páxina de relatores.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *