Que vivir unha WordCamp non ten prezo é algo elemental, querido Watson, para calquera que participase nalgún encontro da comunidade WordPress. Pero a realidade é que si ten un custo e se queremos que sexa tan inesquecible como nos propoñemos, non vai ser solto. Por iso, o primeiro é dar as grazas: grazas a todas as empresas e organizacións que nos apoian economicamente en meetups e WordCamps. É de xente ben. E os de WordPress somos xente ben e cabal. Temos claro que sen o seu respaldo sería moito máis difícil non só montar eventos, senón tamén construír comunidade.
E agora que estamos embarcados na intensa, estimulante e, por momentos, delirante tarefa de montar a WordCamp Galicia volvemos convocar a empresas e organizacións para que nos apoien. A comunidade necesítavos, que diría aquel. Se nunca patrocinaches unha WordCamp, xa te adiantamos que isto non é como outros eventos. Aquí non fan falta cuantiosos desembolsos: a partir de 500 euros convérteste en mecenas da WordCamp Galicia. E con iso, terás o teu espazo para presentar os teus produtos e servizos e a túa marca acompañaranos durante toda a xornada. E antes. E despois.
Pero non nos imos a enrolar agora con todas as características dos paquetes de patrocinio (Ouro, Prata, Bronce, Espazo Conecta e Polbeiro). Iso pódelo consultar na páxina de Patrocinadores, onde tamén atoparás o formulario a través do que podes contarnos o moi interesado ou interesada que estás por ser mecenas.
Nesa mesma páxina podes descubrir o que atoparás na WordCamp Galicia. Esperamos a 300 asistentes chegados de toda Galicia, doutros puntos de España e mesmo doutros países, con perfís tan variados como interesantes: desenvolvedores, deseñadores, especialistas en SEO, emprendedores dixitais, creadores de contido… Cun nexo en común: WordPress. Ou non. Porque como é a primeira vez que se celebra na Coruña, onde hai moitas comunidades tech, sabemos que se van a estrear nunha WordCamp unha chea de profesionais do ámbito tecnolóxico que talvez non usen WordPress no seu día a día. Aínda.
E estaremos todos reunidos nun espazo aberto, amigable e accesible ideal para compartir coñecemento e descubrir novas ferramentas. E comer ben. E falar moito. E rir máis. Que hai tempo para todo. Quen se pode resistir a ser mecenas?















Deixa unha resposta