En 2025, a organización da WordCamp Pontevedra decidiu dar un salto que, nun principio, foi máis ben nominal: converterse na WordCamp Galicia. E é que, de espírito, a WC de Ravachol, da Peregrina, do Lérez… xa era a WC das comunidades de WordPress de toda Galicia. Pero este 2026, o salto leva pirueta incluída: a WordCamp sae de xira. Como calquera estrela do rock, faltaría máis.
A partir de agora, será ela a que vaia ás comunidades. En Galicia somos unhas cantas comunidades e hai xente traballando con WordPress en todas as cidades e case en cada pobo e aldea, se nos descoidamos. Pero non podemos estar todos en todas partes ao mesmo tempo, como diría algún cineasta afeccionado, precisamente, ás piruetas. Así que había que elixir. Parecía oportuno pasar do sur ao norte, por iso de que a xira se vexa de escala galego-internacional, cambiando de provincia, mais o de cambiar de meridiano ou afastarnos do Atlántico deunos algo de vertixe. E así chegamos a A Coruña. Resumindo: había que comezar a xira por algún sitio, e todos son bos. Que bos, fantásticos, porque isto é Galicia e, por moito que haxa quen crea que non sabemos se subimos ou baixamos, temos ben claro que como aquí non se vive (come) en ningún outro lugar. Dito.
A Coruña, a cidade de cristal, o balcón do Atlántico, a cidade na que ninguén é forasteiro. Quen vive en A Coruña dirá que cada un destes alcumes é verídico, mais se hai algún lema do que os ‘koruños’ se sintan especialmente orgullosos é o último. A cidade na que ninguén é forasteiro acuñouse hai máis de 60 anos para destacar a hospitalidade dos coruñeses, e é a frase e a imaxe de cidade de acollida que calou alén dos mares. É dicir, en todo o mundo mundial.
E non podemos evitar pensar que é un lema perfecto para un evento de WordPress, coa súa comunidade aberta e acolledora. Por iso, a WordCamp Galicia 2026 é a WordCamp na que ninguén é forasteiro. Quizais para os que formamos parte desta comunidade soe redundante (¡Claro que somos hospitalarios!), mais non está de máis presumir diso na cidade na que ninguén é forasteiro.











Deixa unha resposta