Cada vez somos máis os que empregamos lectores de RSS para manter o noso fío de novidades personalizado e libre de algoritmos. Os feeds tamén son fundamentais para buscadores, axentes, bots, e calquera sistema que indexe contido. O resumo é que a sindicación de contidos, ou “web feeds”, ou simplemente “o RSS” volve estar de moda e hai que poñerse ao día.
Repasaremos as nocións básicas desta tecnoloxía (historia, formatos, ferramentas, vantaxes, etc.) e con exemplos prácticos veremos como funcionan os feeds en WordPress e como podemos personalizalos: Comprobaremos que calquera instalación de WordPress por defecto expón boa parte do contido a través dos feeds: fíos de entradas, de comentarios, de produtos, por categorías, por autores, etc. Crearemos en directo un novo feed na nosa web, con contido exclusivo para os lectores de RSS e previamente formateado con filtros e hooks. E aprenderemos máis trucos “pro”, como habilitar as estatísticas nos RSS, engadir enlaces e menús para os diferentes fíos, retrasar a sindicación, validar o XML…















