WordCamp Galicia 2026

A WordCamp Galicia quere facer honra ao seu nome e pasear por Galicia para achegar este grande acontecemento a todos os recunchos. Ou case. 

Se xa fuches a algunha WordCamp, non fai falla que che contemos porque isto é un #savethedate con maiúsculas. E se nunca asistiches a este encontro ao redor de WordPress, ao open source, ao mundo web, ao emprendemento, á comunicación, á comunidade… Por onde comezamos? Unha WordCamp é, ante todo, unha experiencia, un espazo para aprender, facer contactos e gañar amigos.

Da WordCamp Galicia irás coa mente, o espírito e o estómago ben alimentados. Vés?

A WordCamp Galicia celebrarase na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, que nos brinda un auditorio, aulas e espazos multidisciplinares para desenvolver un encontro que inclúe dúas propostas centrais: unha xornada de relatorios e debates e o Contributor Day. Durante todo o sábado 17 terán lugar charlas en diferentes formatos para falar de WordPress, de desenvolvemento web, de deseño, de márketing… E o domingo 18, pola mañá, será o momento de reunir á comunidade para explicar como se pode colaborar con WordPress para que siga sendo o fantástico e polivalente software que é e traballar entre todos para facelo cada día mellor.

Mantente ao día