Nesta charla afondaremos no poder transformador das microcomunidades dentro do ecosistema WordPress. Máis alá dos grandes eventos e estruturas centralizadas, son estes espazos íntimos, seguros e profundamente colaborativos os que están a xerar un impacto real e sostible.
Exploraremos como estas comunidades pequenas se teñen convertido en verdadeiros motores de cambio, facilitando procesos de aprendizaxe colectiva, promovendo un liderado distribuído e fomentando vínculos que van máis alá do profesional.
Reflexionaremos sobre como estas redes humanas, tecidos desde a confianza e o coidado mutuo, non só impulsan a innovación dixital, senón que tamén sosteñen emocionalmente a quen as integran. Compartiremos historias, experiencias e ferramentas que nos axudaron a construír contornos onde é posible medrar, crear e transformar en comunidade.
Unha invitación a repensar o futuro do ecosistema dixital desde o pequeno, o humano e o compartido.


Defínome como activista da cultura colaborativa. Creo profundamente no poder da intelixencia colectiva e no impacto transformador de compartir coñecemento, especialmente cando se fai desde contornos seguros, humanos e conectados. Desde o rural para o mundo, impulso comunidades que colaboran, se coidan e xeran cambio real.
Son cofundadora de Espazo Arroelo, un coworking en Galicia que dende os seus inicios lle deu espazo a iniciativas de WordPress. Actualmente son cofundadora de Rural Hackers, onde levamos WordPress ao rural de forma tanxible: organizamos Do Action Hackathons para resolver retos locais mediante ferramentas dixitais e fomentamos a aprendizaxe entre pares con persoas de todo o mundo.
Desde aí creamos RuralWo, un programa para visibilizar e apoiar a mulleres do rural dentro do ecosistema WordPress, conectándoas con oportunidades, formación e unha rede global.
A miña experiencia con WordPress vai máis alá do técnico: véxoo como unha ferramenta para empoderar, conectar e transformar realidades desde o pequeno, o colectivo e o radicalmente humano.