O teu curso ensina moito, pero os algoritmos non se matricularon nel

O teu curso ensina moito, pero os algoritmos non se matricularon nel é unha charla pensada para quen crea contidos de formación dixital en WordPress e quere que cheguen a máis xente… sen depender unicamente da súa nai ou do grupo de WhatsApp.

Nesta sesión repasaremos tres puntos clave para que os teus contidos educativos non pasen desapercibidos en Google (nin nos novos buscadores con IA):

Erros comúns ao redactar contidos formativos:

Se o escribe GPT e non ti, os algoritmos poden non darlle valor. Falaremos de como crear contidos que seguen funcionando, que marcan a diferenza e que respostan o que o usuario busca, non só o que ti queres contar.

Fallos técnicos frecuentes nas webs de formación:

Meta-etiquetas ausentes ou mal postas, webs lentas como unha tarde de agosto sen wifi, experiencias de usuario que botan para atrás… Revisión práctica dos puntos clave para que Google non escape correndo.

O novo contexto dos buscadores con IA (LLMs):

Como afectan os novos modelos de linguaxe á visibilidade dos teus cursos? Que podes medir? Como crecer sen desaparecer entre tanto ruído automatizado?

Todo, con sentido práctico, exemplos reais e un pouco de retranca galega para que, ao rematar, saias coa cabeza chea de ideas… e a web un pouco máis cerca dos algoritmos.

Sergio Castelo

Son SEO dende hai máis dunha década e media, pero non veño aquí a falar de posicións sen contexto, nin a vender fórmulas máxicas con acento americano. Veño dende Galicia, con experiencia, paixón e retranca, porque creo que o posicionamento tamén se constrúe con identidade e sentido común, non só con ferramentas e gráficos que brillan máis que explican.

Levo traballado con marcas grandes (Zara, ING, Estrella Galicia, Atleti…) e tamén con proxectos pequenos que coidan cada clic como quen conta moedas. E iso ensinoume algo clave: que o SEO real está entre o dato e o instinto, entre o que se mide e o que se intúe.

Fun axencia, fun cliente, fun freelance e fun, sobre todo, o que moitas veces ninguén quere ser: quen di a verdade cando os números non cadran, quen pon os pés no chan cando todo o mundo mira ás métricas do ceo. Alguén que entende que os algoritmos cambian, pero que o sentido común dura máis ca un update.

Hoxe non veño dar unha clase. Veño abrir a trastenda. Esa onde se cociña o que Google non conta, o que o cliente non ve, e o que non sae nos informes de resultados.

E todo isto, contareino como se conta na miña terra: sen adornos innecesarios, con humor cando toque e cun acento que sabe a mar e a código ben feito.