Exprimindo a API: personalización de chamadas e respostas

A REST API de WordPress é unha ferramenta moi útil, e moi versátil. Serve entre outras cousas para integrar plugins e sistemas con servizos de terceiros, para que os buscadores rastreen a web, e tamén para depurar e aprender sobre o noso sitio web!

Nesta demo veremos algúns exemplos prácticos de todo isto: Sobre un portal de formación online ficticio, construiremos diferentes endpoints nos que recibiremos listados personalizados, en formato .json, dos cursos, mestres e materias do sitio. Tirando de filtros no ficheiro functions.php (rest_post_query, rest_prepare_post, register_rest_route e register_rest_field…) e de parámetros nas urls (per_page, offset, search, _fields…), aprenderemos a optimizar as consultas á API para obter só a información que precisamos no formato que a precisamos.

Pilar Mera

Ola! Son Pilar Mera Rico, vivo en Abegondo e levo case 11 anos dedicándome como autónoma ao que eu lle chamo “albanelería web”: todo tipo de amaños dixitais para todo tipo de proxectos, pero case sempre con WordPress como principal ferramenta.

A miña tarefa pendente é contribuír máis á comunidade da que tanto levo aprendido, espero facer unha pequena achega nesta WordCamp 🙂